Arquivo da categoría: DA REFLEXIÓN Á ACCIÓN

A FOTOGRAFÍA COMO DOCUMENTACIÓN NARRATIVA

Nunha entrada anterior falabamos da observación como estratexia fundamental para poder avaliar os procesos de aprendizaxe que se dan nas nosas escolas. Para que esta observación sexa enriquecedora é necesario empregar ferramentas que nos axuden a recompilar os datos do xeito máis obxectivo posible.

A documentación fotográfica debe ser unha oportunidade de narración, as imaxes tomadas pódennos contar, revelar, encontrar, capturar, contaxiar ideas, pensamentos, accións, supón conservar a memoria do vivido, sentido, experimentado,…

A cámara de fotos constitúe unha grande retina capaz de captar imaxes e retelas, facilitando a súa visualización unha e outra vez por diferentes persoas que achegan significados e opinións con diferentes puntos de vista que nos axudan a describir a realidade.

escola-infantil-de-gondomar2

  • A imaxe amósanos unhas nenas e nenos competentes, capaces e seguros, dentro dun contexto que estimula e potencia a súa creatividade.
  • A actividade desenvólvese ao aire libre, o grupo de nenas e nenos atópanse con material variado  para desenvolver a súa imaxinación,
  • Son libres para explorar, experimentar e crear, ante a presenza do adulto, que exerce un rol de guía, nun segundo plano observando cada situación de aprendizaxe.
  • As crianzas son capaces de concentrarse no que están a facer, interésalles, gozan, estano a vivir, prodúcese unha aprendizaxe significativa. Significativa por desenvolverse nun contexto de socialización, de liberdade de movemento, de posibilidades de acción.

Con esta proposta a escola ten en conta varios aspectos recollidos no currículo;

  • Os nenos e nenas constrúen as súas aprendizaxes en interacción co medio. Dependendo da calidade da interacción que establezan co medio, así será a calidade da súa construción.
  • A organización dos espazos debe garantir a súa flexibilidade, é dicir, debe posibilitar que non todas as nenas e nenos fagan o mesmo ao mesmo tempo, e tamén debe permitir unha variedade de usos dos diferentes espazos ao longo da xornada e mesmo ao longo do curso.
  • Os espazos exteriores deberán ser obxecto do mesmo coidado e planificación que os interiores, explorando as diversas posibilidades de aprendizaxe e interacción que ofertan, sobre todo nuns momentos en que a actividade se desenvolve maioritariamente entre iguais, libre da carga dirixista do adulto.
  • Deberán propoñerse situacións educativas que ofrezan múltiples posibilidades de percibir, actuar, experimentar e descubrir, aproveitando, deste xeito, a capacidade das nenas e nenos de aprender a través dos sentidos, actuando, manipulando e experimentando con obxectos e materiais diversos.

A documentación sistematizada das propostas e actividades que os nenos e nenas realizan na escola infantil constitúe unha parte importante do noso traballo educativo. As experiencias recollidas en imaxes posibilitan unha análise e avaliación continuas de cada un, da calidade das propostas e da posición da educadora, á vez que permiten poder compartir o noso traballo, con inmediatez e axilidade, coas nosas compañeiras, familias e outros profesionais.

Equipo de traballo da Escola Infantil Haurtzaro.

O COIDADO E A ATENCIÓN PERSOAL

A relación coa crianza constrúese durante as atencións individuais (cambio de cueiros,comida, sesta, hixiene,…), soamente cando a crianza  está satisfeita, cun trato amoroso e atento por parte de nai, pai, educadora, só entón, a pequena e pequeno moverase e explorará o mundo con alegría. Emmi Pickler

escola-infantil-de-silleda-1As educadoras e educadores corremos o risco de pasar ás presas polos momentos dos coidados persoais, preocupados en atender a todo o grupo, en que as nenas e nenos teñan experiencias creativas, estimulantes, novidosas, sen darnos conta, en moitas das ocasións, de adicarlle os tempos necesarios para que sexan encontros entre o adulto e a crianza tranquilos, seguros e gratificantes.

É por iso, que nos apetece compartir convosco este vídeo da experiencia de Loczy, que de seguro moitas e moitos de vós xa coñeceredes, que nos axuda a recordar que non é suficiente con prestar atención e falar coas crianzas, temos que dar un pasiño máis, ser quen de manter un diálogo , ter unha actitude de escoita activa e saber agardar unha resposta da nena e do neno.

escola-infantil-de-burelaSomos conscientes que o número de crianzas por aula non axuda a primar estes momentos, pero temos o convencemento que  tomar conciencia da súa importancia, axudará a que cada vez os momentos de coidado e atención individualizada teñan máis peso ao longo da xornada, dando o tempo necesario para favorecer o seu desenvolvemento autónomo (que non acelerar as súas adquisicións), xerando os espazos adecuados que garantan a liberdade de movementos,…

Emmi Pikler insistía:

.- Na importancia de ter confianza nas capacidades das nenas e dos nenos.

.- Na necesidade de valoralos como seres activos.

.- En manter unha actitude tranquila e relaxada nos momentos de coidado persoal.

.- En vivir os momentos de atención persoal como situacións pracenteiras, para garantir o benestar físico, neurolóxico e psíquico da crianza.

As propias iniciativas xeran na nena e no neno gañas de aprender, son o camiño da socialización das relacións e producen o sentimento de ser persoa“.

escola-infantil-de-mondonedo

Volveremos a falar desta proposta metodolóxica, por considerala un dos eixos fundamentais do tempo das crianzas nas nosas escolas: cheo de afectos, coidados e experiencias que impregnan de cotianidade a vida das nenas e dos nenos.

OBSERVAR: ALGO MÁIS QUE MIRAR

Entre as profesionais e os profesionais da Educación Infantil, é acordado e unánime falar sobre valores educativos como a liberdade, autonomía, diversidade, complexidade… Pero tamén é certo que existen distancias entre, o decidir, o facer, o crer e o sentir. Distancias que marcan a diferenza entre unha actitude educativa coherente ou incoherente. Estes abismos sempre se dan, pero o importante é tomar consciencia sobre eles para intentar acurtar as distancias.

Nesta liña tamén é importante analizar que aspectos persoais ou do entorno nos impiden mudar a nosa práctica cando é fundamental mellorala de cara unha atención educativa de calidade.

Tal como establece a orde do 25 de Xuño do 2009, no seu artigo 20, a observación directa e sistemática constitúe unha das principais técnicas e fontes de información do proceso de avaliación, por iso convidámosvos a ler: “observaralgo-mais-que-mirar

A lectura do texto suxírenos repensar sobre as seguintes cuestións:

  • Ofrecemos ás crianzas modelos de conduta axeitados cando lles dicimos: “non podes nin debes morder” pero non o que esperamos delas ou deles?
  • Indicamos cal é o comportamento axeitado, ou limitámonos a sentalos a pensar?
  • A empatía, da que tanto falamos é difícil de ser entendida e practicada por nós mesmos, as crianzas destas idades realmente teñen a capacidade de poñerse no lugar do outro?
Cales son as vosas reflexións?