Arquivos do autor: admin

captura-de-pantalla-230114-10_44_12-300x142

GRANDES FORMATOS 2013: A CREACIÓN DO PENSAMENTO MUSICAL

No curso: “A creación e a construción na escola infantil 0-3 do ambiente educativo e o pensamento musical” tivemos a gran sorte de poder contar coa colaboración de Paulo Lameiro, quen comezou a traballar con bebés en 1998, baseándose na teoría de aprendizaxe de Edwin E. Gordon.

Paulo brindounos unha gran mostra do seu traballo con nenas e nenos (incluíndo un taller para bebés), achegándonos ao ámbito da educación musical, un aspecto ás veces inexplorado por diferentes medos, inquedanzas ou por non saber como tratala con cativas e cativos tan pequenos.

A partir deste momento tivemos a oportunidade de vivenciar, reflexionar e  debatir sobre diferentes aspectos básicos da pedagoxía musical:

  • Os primeiros anos de vida son cruciais para establecer as conexións para un desenvolvemento musical óptimo, xa que o potencial dunha persoa está na súa máxima altura cando nace.
  • Dende o cuarto mes de xestación o feto escoita, e “todos os afectos e emocións lle chegan en forma de son”. O latexo da súa nai, a súa voz e a súa respiración encherán os primeiros momentos de ”su fortísima memoria intrauterina”, e logo comezará a percibir outros sons procedentes do exterior.
  • importante para o bebé é conectar o son cos afectos, coas emocións. Non existe unha música máis axeitada que outra para os bebés, e as obras musicais deberán ser ricas dende o punto de vista melódico, armónico e tímbrico.
  • Os arrolos cumpren unha función moi importante e existen en todas as culturas pero non cubren todas as necesidades, temos que ir máis aló. Son o cordón umbilical sonoro que nos une co resto da comunidade, teñen o seu obxectivo en aspectos de vínculo afectivo e dimensións relacionais entre bebé e adulto.
  • Repertorio vocal para bebés sen palabras. A voz humana é o mellor instrumento que temos de maneira natural; o modelo para a crianza será o adulto do que aprenderá a distinguir a voz falada da voz cantada. Importante é “cantar sen palabras” (papapa, brrrr… partindo dos sons que producen inicialmente os meniños), xa que é esencial para concentrarse na música, non nas palabras. Se partimos de escoitar os sons que  as crianzas emiten, atrevéndonos a cantalos dende unha gran variedade diferencial nos modos e tonalidades que empregamos, estamos axudándolles a que coñezan mellor as diferenzas entre os sons que escoitan.
  • As pezas serán curtas para non perder a capacidade de sorpresa e coidaremos as nosas entoacións sen introducir tons aos que os nenos e nenas non poden chegar.
  • As audicións serán moito máis efectivas se van acompañadas da voz e a interaccción directa dos adultos e non tan só escoitadas a través dun medio audio-visual. As sensacións e expresións faciais do adulto e os movementos corporais(indicadores físicos non verbais) son vitais para poder transmitir a importancia da música aos meniños, se perciben que para nós é algo importante tamén o será para eles. Non deberemos forzar ás nenas e nenos a escoitar música, nin a moverse. Non debemos moverlles nós as súas partes do corpo, senón deixar que se movan eles ou mantelos nos nosos brazos mentres bailamos. Así desenvolverá unha mellor consciencia corporal rítmica, relaxada e non ríxida.O adulto acompaña á crianza na  súa aprendizaxe musical a través doexemplo directo, o xogo e o movemento sempre baixo un clima de afectividade. Ofreceremos oportunidades de escoitar música acústica, música instrumental en directo para que podan percibir os sons e as vibracións do instrumento así como as expresións do músico ao tocar. Coidaremos como soa un reproductor de música de CD ( volume, claridade) cando non sexa posible esa escoita en directo. Para que todo isto sexa posible resulta imprescindible a reflexión e o traballo en equipo e conxunto nas escolas coas crianzas, coas familias, co contorno e coa comunidade educativa de cara a favorecer, promover e potenciar un pensamento musical que vai máis aló do que se entende xeralmente por música.

GRANDES FORMATOS DE FORMACIÓN 2013

Ao longo do ano 2013 desenvolvéronse varias accións formativas  dirixidas ao persoal da Rede de Escolas Infantís de Galicia, nas que se abordaron temáticas  de gran interés para a pedagoxía da infancia no 0-3  como : A creación e a construción na escola infantil do ambiente educativo e do pensamento musical, o pensamento simbólico e o mundo da heurística, a atención á diversidade, o xogo e o cotiá e a piscomotricidade. Dándose tamén a coñercer diversas experiencias  educativas  en sintonía coa infancia como as que desenvolve o Instituto Loczy de Budapest e o “Centro Singular Experimental de Innovación Psicopedagógica e Integración O Pelouro” en Caldelas de Tui.

Para o desenvolvemento das mesmas contamos coa participación de relatores e relatoras  que, hoxe por hoxe, son  grandes referentes no ámbito educativo como : Bernard Aucoutourier, Genma Paniagua, Elena Lobo, Mónica Guerra, Mª Antonia Riera Jaume, Paulo Lameiro, Javier Abad, Rosa Vidiella, Teresa Ubeira, Teresa Godall, Eszter Mozés, ...entre outros.

Estes grandes formatos de formación foron dirixidos a un grupo amplio de profesionais das escolas infantís de 0 a 3 anos. Tendo unha asistencia nalgún deles que chegou a alcanzar as 400 persoas, chegando, na globalidade de todos estes eventos, a ter cerca de mil profesionais do 0-3 formándose nas temáticas sinaladas anteriormente e cos seus respectivos expertos.

Así pois, e debido ao gran valor educativo que tivo  cada unha  destas accións  formativas  queremos difundir e ir compartindo coas e cos profesionais da infancia  e coa comunidade educativa, en xeral, as impresións e reflexións, así como a documentación xerada no transcurso das mesmas.