Arquivos mensuais: Maio 2017

XOGAR AO AIRE LIBRE

Xogar ao aire libre é moi importante para favorecer o desenvolvemento positivo dos nenos e nenas. Non obstante, nas escolas infantís minusvaloramos con moita frecuencia este tempo de xogo nos espazos exteriores. Pensamos que as actividades por así decilo “serias” e “importantes” son as que se desenvolven dentro das aulas, e consideramos o xogo no exterior como tempo de “recreo” ou un pequeno descanso para as educadoras/es.

Atopamos con facilidade razóns para non saír cos nenos/as ao patio ou ao xardín, cando noutros países cunhas condicións metereolóxicas moito máis adversas que as nosas, os pequenos/as saen a xogar ao exterior diariamente e teñen moito máis contacto coa natureza.

Porén cando os espazos exteriores das escolas están ben pensados e deseñados e os/as profesionais que nelas traballamos nos facemos conscientes da importancia que teñen para os pequenos/as, o xogo ofrece oportunidades ilimitadas de experimentación, de aprendizaxes de gran riqueza que non se poden substituír en espazos pechados.

EI Baiona

EI Baiona

A actividade ao aire convértese neste sentido nun gran laboratorio de aprendizaxes e coñecementos porque nos permite entrar en contacto cunha gran variedade de estímulos e sensacións: o paso das estacións que cambia a paisaxe e a nosa forma de vestir, os cambios de tempo e a temperatura que se poden dar nun mesmo día, o vento que move as follas das árbores e nos acaricia as meixelas, a posición do sol que cambia durante o día, as sombras.., as nubes que atenúan a luz do sol…,o sol que seca a herba mollada…,a auga da chuvia que forma as charcas…, o roce das plantas, o canto dos paxaros, o ruído dun avión, o olor da herba ou das flores…etc.

EI Meira

EI Meira

Os espazos exteriores constitúen ademáis un hábitat privilexiado do xogo libre, que nos permite gozar da liberdade de movementos, do pracer de correr pequenos riscos en espazos máis amplos, máis irregulares e con novos retos, así como xogar e experimentar con elementos como a area, a terra, ás follas, a auga…,dun xeito diferente e moito máis enriquecedor que no interior.

IMG_4838

O xogo ao aire libre favorece tamén a socialización e o traballo en equipo xa que se exercitan habilidades tan importantes como negociar, compartir, cooperar…, manterse xunto aos outros nenos e nenas ou buscar a soidade, compartir xogos ou quedarse tranquilamente observando, alonxarse do adulto ou reunirse con él, etc.

EI Meira

EI Meira

Repensar a organización e os materiais que temos nos espazos exteriores das nosas escolas, así como as dinámicas de xogo que propoñemos, resulta sumamente importante, sendo necesario proxectar espazos exteriores cuidados que contemplen diferentes zonas de xogo, con elementos variados, que faciliten e enriquezan as actividades dos pequenos/as: pavimentos diferentes para poder circular, desniveis, area que se poda humedecer, auga para regar, arbustos diferentes, flores para cuidar ou pequenos hortos, árbores que cambian segúndo as estacións, elementos para o xogo motor que permitan trepar, subir, deslizarse, saltar, pasar por debaixo, metererse dentro, etc; con xoguetes e materiais que estimulen o xogo, non só caldeiros e pás, senon moldes, botes, caixas, rodas, pelotas, triciclos…etc. Cuidando sempre a estética e garantizando a seguridade.

IMG_4856

EI Muros

EI Baiona

EI Baiona

Máis información no libro:

Ritscher, P.(2006). El jardín de los secretos . Barcelona. España. Octaedro

Enderezos web de interese:

http://www.tierraenlasmanos.com/

https://elnousafareig.org/