GRANDES FORMATOS 2013: A CREACIÓN E CONSTRUCIÓN NA ESCOLA INFANTIL DO AMBIENTE EDUCATIVO

Nesta xornada formativa, María Antonia Riera Jaume, experta na pedagoxía aplicada e psicoloxía da educación da Universitat de les Illes Balears, compartiu cos profesionais da Rede de Escolas Infantís de Galicia, unha conferencia plenaria sobre esta temática e, a continuación, en cada un dos distintos grupos de traballo realizados coas persoas asistentes reflexionouse, debatiuse e espuxéronse unha serie de cuestionamentos e visións sobre o ambiente educativo na escola infantil 0-3. Para rematar a xornada formativa, elaboráronse unhas conclusións, a partir das achegas do conxunto de participantes e da relatora .

foto 2 ambientes

Cando falamos de planificación ambiental, de seguido xorden cuestións como: Que entendemos por ambiente?, crear un ambiente agradable é algo máis que decorar? Cómo organizamos os espazos, materiais e tempos?, que posiblidades de xogo ofrecen os nosos espazos?, que tipo de relacións posibilitan?, que situacións de seguridade e benestar se dan ?, que situacións emocionais e cognitivas se permiten?…Todas estas cuestións e outras se plantexaron no inicio da xornada.

foto1 ambientes

E con posterioridade á xornada, puidemos concluír que:

  • Para planificar verdadeiros ambientes de aprendizaxe nas escolas infantís 0-3, é necesario ter en conta tres eixos-chave: o espazo, o tempo e as relacións.
  • O espazo, non é un simple “contedor, “ senón unha rede de relacións entre adultos, nenos e nenas, obxectos, materiais e acontecementos. Falar de espazo-ambiente no ámbito escolar é falar de valores, da identidade da comunidadade, das aprendizaxes que se queren promover e das relacións que se establecen.
  • Cada escola ten a súa propia identidade e existe en relación a un pasado e a un presente. Tal e como di Anna Lía Galardini: ”o espazo revela a pedagoxía e a pedagoxía maniféstase no espazo”.
  • Na construción do ambiente, familias, nenos, nenas e profesionais pensan, coidan e transforman os contextos educativos, é importante que se faga de xeito reflexivo e creativo, procurando evitar espazos só decorativos, espazos-lixo,mortos, neutros ou colonizados polos patróns estéticos da cultura globalizadora, paralizadores da expresión, para así favorecer as relacións, as percepcións sensitivas, o movemento, a exploración, en fin… a pluralidade das belezas da vida.
  • Para o deseño de ambientes de calidade nas escolas podemos ter en conta diversos parámetros, tales como:
  1. Identidade: unha escola entendida como lugar de pertenza dunha comunidade cultural e pedagóxica, con espazos de comunicación e encontros, de transicións entre dentro e fora, e sempre respectando a idiosincrasia propia dos diversos grupos de nenos e nenas e adultos.
  2. De relacións: xerando intercambios de relacións e circularidade de ideas entre todos os seus habitantes. Procurando a horizontalidade dos espazos, entendendo que todos son educativos, buscando a transparencia, nos que todos poidamos facer visible o que está sucedendo en cada un destes espazos, e sempre dentro das posibilidades arquitectónicas da escola.
  3. Constructividade: empregando materiais e equipamentos que motiven a curiosidade e o desexo de aprender, promovendo lugares e situacións que poidan proxectar, plantexar hipótesis, resolver problemas e buscar estratexias de acción diversas, onde o neno poida construir o seu propio percorrido cognitivo, a partir dunha diversidade de propostas nos distintos espazos da escola.
  4. Polisensorialidade: combinando de xeito equilibrada estímulos sensoriais diversos, buscando paisaxes equilibradas dende o punto de vista sensorial e perceptivo, ricas en olores, sons , texturas…, e sen saturacións.
  5. Transformabilidade: concebindo os espazos da escola con capacidade para transformarse e adaptarse en función das necesidades e intereses dos nenos e adultos, espazos plurifuncionais.
  6. Narración: creando espazos que conten, que falen do que se vive na escola, que documenten o que se fai, o que se di, construindo unha conciencia colectiva de diálogo continuo.
  • É fundamental que a planificación educativa sexa respectuosa cos tempos e ritmos da infancia, xa que moitas veces caemos nun activismo frenético, de tal xeito que lle roubamos aos nenos a posibilidade de profundar nas experiencias e aprendizaxes, e de ser eles mesmos os protagonistas da creación do ambiente.

En palabras de L. Malaguzzi, “ as relacións entre nenos, traballadores e pais, o espazo no que se estruturan, e os tempos nos que se realizan, determinan a calidade e identidade da propia escola”.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>