A FOTOGRAFÍA COMO DOCUMENTACIÓN NARRATIVA

Nunha entrada anterior falabamos da observación como estratexia fundamental para poder avaliar os procesos de aprendizaxe que se dan nas nosas escolas. Para que esta observación sexa enriquecedora é necesario empregar ferramentas que nos axuden a recompilar os datos do xeito máis obxectivo posible.

A documentación fotográfica debe ser unha oportunidade de narración, as imaxes tomadas pódennos contar, revelar, encontrar, capturar, contaxiar ideas, pensamentos, accións, supón conservar a memoria do vivido, sentido, experimentado,…

A cámara de fotos constitúe unha grande retina capaz de captar imaxes e retelas, facilitando a súa visualización unha e outra vez por diferentes persoas que achegan significados e opinións con diferentes puntos de vista que nos axudan a describir a realidade.

escola-infantil-de-gondomar2

  • A imaxe amósanos unhas nenas e nenos competentes, capaces e seguros, dentro dun contexto que estimula e potencia a súa creatividade.
  • A actividade desenvólvese ao aire libre, o grupo de nenas e nenos atópanse con material variado  para desenvolver a súa imaxinación,
  • Son libres para explorar, experimentar e crear, ante a presenza do adulto, que exerce un rol de guía, nun segundo plano observando cada situación de aprendizaxe.
  • As crianzas son capaces de concentrarse no que están a facer, interésalles, gozan, estano a vivir, prodúcese unha aprendizaxe significativa. Significativa por desenvolverse nun contexto de socialización, de liberdade de movemento, de posibilidades de acción.

Con esta proposta a escola ten en conta varios aspectos recollidos no currículo;

  • Os nenos e nenas constrúen as súas aprendizaxes en interacción co medio. Dependendo da calidade da interacción que establezan co medio, así será a calidade da súa construción.
  • A organización dos espazos debe garantir a súa flexibilidade, é dicir, debe posibilitar que non todas as nenas e nenos fagan o mesmo ao mesmo tempo, e tamén debe permitir unha variedade de usos dos diferentes espazos ao longo da xornada e mesmo ao longo do curso.
  • Os espazos exteriores deberán ser obxecto do mesmo coidado e planificación que os interiores, explorando as diversas posibilidades de aprendizaxe e interacción que ofertan, sobre todo nuns momentos en que a actividade se desenvolve maioritariamente entre iguais, libre da carga dirixista do adulto.
  • Deberán propoñerse situacións educativas que ofrezan múltiples posibilidades de percibir, actuar, experimentar e descubrir, aproveitando, deste xeito, a capacidade das nenas e nenos de aprender a través dos sentidos, actuando, manipulando e experimentando con obxectos e materiais diversos.

A documentación sistematizada das propostas e actividades que os nenos e nenas realizan na escola infantil constitúe unha parte importante do noso traballo educativo. As experiencias recollidas en imaxes posibilitan unha análise e avaliación continuas de cada un, da calidade das propostas e da posición da educadora, á vez que permiten poder compartir o noso traballo, con inmediatez e axilidade, coas nosas compañeiras, familias e outros profesionais.

Equipo de traballo da Escola Infantil Haurtzaro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>