CONSTRUÍNDO A IDENTIDADE

“A construción da identidade é unha necesidade afectiva (sentimento), cognitiva (conciencia de se mesmo e do outro como persoas diferentes) e activa (conciencia de facer e dicir). É unha necesidade tan vital e imperativa que se non se satisfai, non é posible a saúde mental.”

Vicenç Arnaiz

Na presente entrada recompilamos unha serie de propostas que se están a desenvolver no conxunto da Rede, como colección de recursos para axudar a forxar a identidade a través das palabras, das historias, dos obxectos, dos relatos,.. na que é imprescindible, unha vez máis a colaboración, implicación e colaboración das familias. Non debemos esquecer que a toma de conciencia da nosa individualidade está estreitamente ligada ao sentimento de pertenza a unha comunidade, neste caso a escola.

escola-infantil-de-o-valadouro“Así vou crecendo”

Libro que se elabora en colaboración coas familias no que recolle a evolución da nena e do neno ao longo dos seus tres primeiros anos tanto na escola coma no ámbito familiar. É un recurso moi interesante como documento de avaliación do desenvolvemento global da crianza e pode axudar na transición ao segundo ciclo.

“A bolsa afectiva”.

Bolsa coas pertenzas das nenas e dos nenos. Coa colaboración e participación das familias, elabórase un coxín transparente (bolsas grandes de conxelado que teñen peche, onde as familias introducen obxectos que se identifican coa crianza (un pano, un chupete, unha foto da familia, un peluche…). Este coxín está ao alcance da nena ou do neno, o que lle permite usalo cando precisa dalgún dos obxectos que o conforma.


escola-infantil-a-fonsagrada1“Construímos as nosas caixas”

Construción de caixas individualizadas coas familias para realizar xogos psicomotrices, actividades de asemblea. A realización da actividade pode desenvolverse na casa ou nalgún obradoiro destinado para tal fin.

“O libro viaxeiro “cats

Esta actividade consiste en construír entre todos un libro onde, coa colaboración e participación das familias, se potencia coñecer á crianza dentro do seu ámbito familiar, con anotacións que a familia fai das súas preferencias, comidas preferidas, xoguetes, lugares onde xogar, animais de casa, … constitúe un emocionado reportaxe de contextos de moito contido emocional.


escola-infantil-de-poio“As miñas cousas teñen o seu lugar na escola”

Identificación do cepillo de dentes, da cunca de beber, da caixa para gardar a roupa, colocar os babeiros. Son actividades cotiás onde se favorece que as nenas e os nenos teñan un lugar onde deixar e recoller as súas pertenzas. Enriquece a proposta que son lugares (sitios, caixas, bolsas…) que previo ao uso que se lles dá (que pequenas e pequenos deixen ou recollan alí as súas cousas), elabóranse en colaboración e participación das nenas e os nenos e en moitos dos casos coas súas familias.

“A miña foto na asemblea”escola-infantil-a-bola1

A asemblea é un encontro co grupo de crianzas da aula onde se favorece a comunicación e a escoita activa das nenas e os nenos, no corro dáse un momento para que a través das súas propias fotografías identifiquen a súa imaxe.
Estas deben ser en formato grande para que facilite a identificación da nena ou neno e das súas compañeiras e compañeiros.

“As nosas caixas-espello”.

Son caixas pequenas onde se poden atopar as fotos das nenas e dos nenos e da súa familia en diferentes lados da caixa, no fondo desta un espello pegado onde a nena e o neno pode ver a súa imaxe reflectida.


escola-infantil-de-xinzoEspazos propios
.

En case todas as aulas, podemos encontrar un lugar onde se visualiza e dá en valor as producións das nenas e os nenos. Ben a través de creacións propias (murais, manualidades..) ou ben a través de fotografías que mostran actividades menos duradeiras (construcións, talleres, sesións de psicomotricidade…).

“O noso libro de aula”

A documentación fotográfica forma parte do noso día a día, o obxectivo é sempre ter ferramentas de avaliación e de autoavaliación, no camiño, estas materias fotográficos forman parte de espazos dentro da aula, nos corredores ou espazos das familias e noutras ocasións, forman parte dun libro que axuda ao equipo educativo a proxectar ás familias o traballo diario coas súas fillas e os seus fillos. Adoitan formar parte da biblioteca de aula, xunto outros libros viaxeiros relacionado coas vivencias persoais das nenas e os nenos.


escola-infantil-de-gondomar1“Espazo para compartir coas familias”
.

Recanto na aula no que se colocan as fotos da nena e o neno e as súas familias á súa altura onde poden manipulalas, compartilas, interaccionar cos demais… As familias adoitan traer fotos das persoas máis achegadas á crianza (avós, irmáns, tía,..), o que axuda á nena e ao neno a identificarse no seo da súa familia.


“Que estamos facendo? A miña imaxe en pantalla”

Esta actividade consiste en gravar as nenas e os nenos na súa actividade cotiá (xogando, comendo, falando, na asemblea, escoitando un conto, cando chegan coa súa nai ou o seu pai…) e logo velos todos xuntos ou por grupos a través do proxector.
Permite que nenas e nenos se recoñezan a se mesmo e aos seus compañeiros e tamén favorece a identidade dentro do grupo-aula.


cats (1)“O protagonista da semana”

Nesta proposta a nena e o neno ao longo da semana é o protagonista de actividades variadas que xiran en torno á súa persoa: colocar as fotos das súas compañeiras e compañeiros, ser o primeiro no tren, recibir a visita da súa familia na escola, (pode ser a nai, pai, ou ambos os dous, un avó ou irmán) que contan ao resto da clase cousas da nena ou neno protagonista,…



escola-infantil-de-baiona-3“A caixa dos tesouros”

A caixa é decorada pola crianza e a súa familia, e entre eles deciden cales son os ” tesouros” que se poden atopar dentro cando abrimos a caixa (un anel, un espello, unha caixa de música, unha moeda do avó, un pano da irmá,..). Os obxectos son presentados e compartidos co resto de compañeiras e compañeiros da aula. Enriquece a actividade que a propia familia da crianza comparta ese momento de presentación dos seus tesouros na aula.

Estas actividades son unha pequena mostra do traballo desenvolvido ao redor da construción da identidade da crianza, o nexo de unión a todas elas parte dun ambiente cálido e amable, a seguridade afectiva, o respecto polos ritmos de cada pequena e pequeno, e por suposto, a confianza no sentir e no facer de cada nena e neno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>