CANDO LER É MIRAR E ESCOITAR


iria2Contar contos é unha actividade moi gratificante, non só para quen escoita senón tamén para quen narra. Dende as nosas escolas podemos e debemos aproveitar o gran interese que amosan as crianzas cara os contos e así favorecer a paixón pola lectura.

Como? A través da biblioteca do centro e as bibliotecas de aula, pero sobre todo poñendo ganas, emoción e ilusión cada vez que decidimos contar un conto.

Animar á lectura nesta etapa é relativamente sinxelo por parte de educadoras e educadores e extremadamente agradecido polas nenas e os nenos; as súas caras expectantes cando escoitan as palabras máxicas que abren paso á historia: “Érase unha vez…” “Había unha vez…” Neses momentos, elas e nós comezamos a vivir e a sentir historias que nos fan gozar, imaxinar e compartir.

A paixón por ser transmisoras e transmisores de historias parte dunha coidada selección das mesmas, que nos permita abrir unha fiestra que asome ás crianzas a mundos cotiás, a percepcións diarias, á mirada do descoñecido, a historias que fomenten a construción de valores,…

Igual de importante á selección do conto é o momento no que se conta e o espazo escollido para a súa narración. É fundamental reflexionar acerca do lugar onde as nenas e os nenos terán a oportunidade de ler, compartir cos outros e de poñer en xogo as estratexias e coñecementos previos que teñen sobre o tema de forma autónoma, exercitando o seu papel de usuarias e usuarios da biblioteca de aula e de respecto ás normas establecidas para o seu uso, por iso os contos deben ser atractivos, que inclúan o que rodea á nena e ao neno en forma próxima e novas realidades que amplíen a súa mirada. Por esta razón debedes seleccionar contos para oír, mirar, descubrir, escoitar, sorprender, tocar, ulir, etc…

montaxe_recursosEscola Infantil de A Bola

Sodes moitas as escolas da Rede que iniciáchedes proxectos de dinamización da lectura, favorecendo a colaboración e participación das familias a través das bibliotecas dos concellos e iniciativas que fomentan que a escola saia das súas aulas e desenvolva un traballo coordinado con outros axentes do entorno. Neste sentido podedes coñecer a proposta que desenvolve a Rede de Bibliotecas de Galicia a través do seguinte enlace.

foto-iriaAs vosas propostas enriquécense cada vez máis; incluíndo a dramatización e escenificación das historias, convidando ás familias a contar contos nas aulas, aproveitando os recursos do contorno levando á escola contadores de historias, ampliando as bibliotecas das aulas e do centro coas achegas das familias e propias, inventando historias a través dos contos viaxeiros, provocando a maxia e o encanto coidando os espazos onde se contan as historias, con iniciativas de préstamo de libros ás familias, dando vida aos contos a través de murais ou debuxos das súas personaxes ou monicreques, lendo e compartindo o momento do conto xunto ás nenas e os nenos,… rica variedade de accións que teñen a continuidade necesaria ao longo do curso, que forman parte do proxecto educativo de cada escola, porque non é cuestionable a enorme riqueza que emanan dos contos.