Arquivos mensuais: Febreiro 2012

XUNTANZA SOBRE EDUCACIÓN INFANTIL EN OSLO ORGANIZADA POLA OCDE

49317514book-cover-150O pasado día 23 e 24 de xaneiro tivo lugar en Noruega unha reunión de alto nivel sobre a Educación Infantil, baixo o título “Comezando forte: complementando políticas para asegurar a calidade da Educación Infantil”, organizada pola OCDE (Organización para a cooperación e o desenvolvemento económico), institución que ofrece un foro onde os gobernos poden traballar conxuntamente para compartir experiencias e atopar solucións para os problemas comúns.

A esta reunión, en representación de España, foron convidas, diferentes persoas implicadas na calidade da educación como: Maite Larrañaga, xerente do Consorcio Haurreskolak, Elvira Sánchez Igual, Responsable de comunicación da Asociación Mundial de Educadores Infantís (AMEI-WAECE), Alejandro Fernández-Checa, Asesor de Educación do Concello de Valencia e Ana Albert, Concelleira de Educación do Concello de Valencia e en representación da Rede de Escolas Infantís de Galicia , Roberto Rodríguez Martínez, Xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

A temática da xuntanza centrábase en cuestións relativas á calidade da Educación Infantil así como ás políticas necesarias para a mellora neste ámbito:

  • Establecer obxectivos de calidade.
  • Deseñar e implantar currículos e normas.
  • Mellorar as condicións de traballo, cualificacións e formación.
  • Involucrar á familias e comunidades.
  • Avanzar na investigación e experimentación.

Esta oportunidade de encontro axuda a xerar criterios comúns para seguir traballando en políticas centradas na mellora da calidade de Educación Infantil, sobre todo no ámbito do 0-3, onde as e os profesionais seguimos traballando para desvincular a atención educativa á primeira infancia da garda e custodia das máis pequenas e pequenos.

Esta nova, é un recoñecemento a todas e todos os profesionais que co voso traballo diario facedes posible unha educación de calidade para as nenas e nenos do ciclo 0-3 da Rede de Escolas Infantís de Galicia, a través da innovación, formación e avaliación permanente na vosa labor directa coas crianzas, familias e outras e outros profesionais. Sabendo que todo isto é posible grazas a grandes doses de esforzo e ilusións compartidas nun obxectivo común: o recoñecemento da importancia da educación nestes primeiros anos de vida.