Últimas novas
VISITA CONSELLEIRO EI CATABOIS

A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso coa calidade da atención educativa nas idades máis temperás

[28-02-2018] O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha visita á escola infantil de Catabois en Ferrol, dependente da Axencia Galega de Servizos Sociais, na que estivo acompañado pola directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González.

O titular autonómico fixo un percorrido polas instalacións que serviu para coñecer as melloras realizadas nas mesmas nos pasados meses. Nomeadamente, o conselleiro fixo referencia ás reparacións do pavimento do patio exterior e da rampa interior, así como da instalación de gas acometida entre outras obras. A inversión nestas reformas ascendeu a 87.054 euros, que tamén serviu para renovar o mobiliario e material didáctico do centro. “O compromiso do Goberno galego coa calidade da atención educativa nas idades máis temperás, implica contar con espazos apropiados que contribúan ao benestar dos nenos e nenas e tamén do persoal educativo en beneficio do desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe”, asegurou Rey Varela. Na actualidade esta escola oferta 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos.

VISITA CONSELLEIRO EI CATABOIS

Asemade, o conselleiro destacou a importancia que teñen estes recursos para favorecer a conciliación da vida laboral de familiar dos pais e nais. Ao respecto, Rey Varela lembrou que a Xunta de Galicia pon á disposición dos pais e nais o Bono Concilia para o curso 2017-18, dotada cun orzamento inicial que ascende a 3,4 millóns de euros o cal está aberto a ampliación coa finalidade de garantir que se atenderán todas as solicitudes que cumpran cos requisitos. Cómpre destacar que esta nova convocatoria presenta importantes novidades coa intención de chegar a un maior número de familias, sendo as beneficiadas por esta iniciativa neste curso preto de 3.600. A contía económica desta axuda oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda.

O responsable da carteira social do Goberno galego insistiu en que o obxectivo é, ao igual que se fixo neste curso, atender a todas as familias que teñen solicitada unha praza en escolas infantís e queden finalmente en lista de agarda, para o que se lles adxudicará ben unha praza concertada ou se lles concederá a sinalada axuda do Bono Concilia para que elixan o centro no que queren matricular aos seus fillos.

O titular da carteira autonómica subliñou que propostas como o Bono Concilia e o Bono Coidado, as Casas Niño, o apoio ás empresas para a apertura de novas escolas en polígonos e parques industriais, así como o apoio á rede de escolas municipais e de entidades de iniciativa social fan que Galicia teña na actualidade máis de 23.500 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos, o que supón unha ratio de cobertura do 40,4%, sete puntos por riba da taxa aconsellada pola Unión Europea.