VISITA EI MONDONEDO2 (2)

A Xunta incrementa en 20 prazas a oferta da escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul en Mondoñedo

[31-01-2018] O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, visitou este mediodía a escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul en Mondoñedo. O responsable do ente público supervisou as obras de ampliación dese centro -xa rematadas e cuxo proxecto elaborou o Concello-, que lle permitirá incrementar a súa oferta en 20 prazas (1 unidade) a partir deste mes de febreiro, co que a súa capacidade total pasará de 43 a 63 prazas.

 

A Xunta, a través do Consorcio, investiu nesa actuación, que consistiu en engadir un volume máis ao edificio de planta baixa que ocupa a escola (ademais dalgunhas reformas interiores), 52.860,32 euros, aos que hai que engadir os 15.062,56 euros destinados ao equipamento.

VISITA EI MONDONEDO2 (3)

Esta intervención permite á escola infantil de Mondoñedo eliminar a lista de agarda que existía nela no mes de setembro, tendo en conta ademais que ese centro presta servizo a pais e nenos doutros concellos -como por exemplo, O Corgo ou Lourenzá- e facilita a conciliación de pais que viven en concellos máis afastados, pero que traballan en Mondoñedo.

A matrícula da rede autonómica de escolas A Galiña Azul dependentes do Consorcio experimentará un aumento –entre o comezo do curso, en setembro, e este mes de febreiro- de 283 nenos e nenas. Ese incremento produciuse, principalmente, como consecuencia do período extraordinario de matriculación de decembro, aínda que tamén hai casos de incorporacións entre setembro e decembro ou, como na escola de Mondoñedo, deriva de actuacións de ampliación ou reforma dos centros.

Nas escolas infantís de Lugo incorporaranse ás aulas en febreiro 29 nenos e nenas máis, co que o número total de matriculados desde ese mes na provincia acadará os 549. En toda a comunidade, o número de nenos e nenas matriculados a partir de febreiro é de 6765.