VISITA AMPARO

A Xunta impulsa a mellora da rede pública de escolas de 0 a 3 anos como recursos básicos para a conciliación e á atención á infancia

[20-12-2017] A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, Amparo González Méndez, visitou hoxe as dependencias da escola infantil Rosalía de Castro, recurso de conciliación cun centenar de prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos e emprazado no barrio vigués de Coia. A visita serviu para coñecer de primeira man as obras de mellora, mantemento e adquisición de novo mobiliario levadas a cabo neste centro de atención á primeira infancia pertencente á rede pública “A Galiña Azul”.

No que atinxe ás intervencións realizadas na escola infantil, a administración autonómica destinou preto de 85.000 euros a diferentes obras para a posta ao día e reparación das instalacións de cara ao presente curso. A maior parte desta cantidade dirixiuse a traballos de mantemento –en concreto 55.080,99 euros- e os 29.803,59 euros restantes investíronse principalmente na compra de equipamento.

VISITA AMPARO

Amparo González sinalou que o obxectivo destas actuacións, das que se beneficia o conxunto da rede galega de escolas infantís, “é que os nosos pequenos e pequenas teñan as mellores instalacións na que é a súa primeira toma de contacto coa aprendizaxe na aula”.
Nesta liña, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa calidade da atención educativa nas idades máis temperás, o que implica “contar con espazos apropiados que contribúan ao benestar dos pequenos e tamén do persoal educativo en beneficio do desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe e na mellora da súa efectividade”, apuntou.

Ademais, a directora xeral destacou a importancia que teñen estes recursos para favorecer a conciliación da vida laboral e familias dos pais e nais. Ao respecto, valorou o esforzo que neste ámbito está a facer o Executivo autonómico con medidas como a mellora do programa do Bono Concilia, iniciativa que consiste nunha axuda directa ás familias para que elixan a escola infantil que desexen para os seus fillos e fillas e que permite que non exista listas de agarda. Ao redor de 3700 familias galegas benefícianse a día de hoxe desta medida para a que a Xunta destina neste curso escolar 2017-2018 un total de 4,2 millóns de euros.

Amparo González subliñou que propostas como o Bono Concilia e o Bono Coidado, as Casas Niño, o apoio ás empresas para a apertura de novas escolas en polígonos e parques industriais, así como o apoio á rede de escolas municipais e de entidades de iniciativa social fan que Galicia teña na actualidade preto de 23.500 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos o que supón unha ratio de cobertura do 40,4%, sete puntos por riba da taxa aconsellada pola Unión Europea.